image description
Close

    DEIXAAS_Unha instalación sonora de Mercedes Peón

    Inauguración

    23 de agosto de 2022

A muller das Casitérides (Olga Novo para Mercedes Peón)

Olga Novo

O principal compoñente do estaño é a casiterita, unha pedra durísima, de gran peso ao tempo que de enorme fraxilidade. Os ácidos non a atacan. Ptolomeo o astrónomo, ao tempo que calculaba a distancia entre as estrelas e tentaba oir a música dos planetas cando morren, tamén soñou co lonxano Occidens,coa estraña fin da terra ocupada por salvaxes entregados á vida dos instintos. E mais aló dese límite da terra, o Océano noso, sintiu unhas illas poboadas por xentes felices, insulas de incalculable riqueza mineral. Estas illas pasaron á historia da xeografía soñada como as Illas Casitérides, asi chamadas pola extraordinaria abundancia en estaño. As mulleres das illas sacaban á luz coas mans a casiterita, delicada, dura, forte, fáxil, que combinaba con osíxeno crea o estaño. A beleza recoñécese inmediatamente, brilla nas mans de quen a recolle e a sabe ver. Baixo a terra, entre penedos. Ofrecida coma a casiterita as humildes femias con panos á cabeza e suor caendo a raxos pola cara. Puxo un sacho ao lombo e cun mineral da súa terra, que era a miña, comezou a facer música do pacto entre a pedra e o metal. Como se o levara facendo toda a vida. Coma se fose o seu cotián labor continuado nun tear futuro. O extraordinario aconte na auténtica fusión e apertura: é aí que a casiterita se revela e sobe á superficie. A arte entrégase a que a leva dentro. Moito antes e incluso máis aló do recoñecemento público. A arte entrégase en intimidade a quen a busca en soidade radical, en independencia absoluta, con autenticidade total, con paixón de vida e procura do verdadeiro. Como a esta muller autodidacta da poesía do mundo, das illas Casitérides, aprendendo sempre, creando felicidade fermosa. A que anda entre bolboretas, allea a todo menos ao que verdadeiramente importa, recibindo as mensaxes preciosas do soño. Esta que me fixo chorar foi a voz coral das mulleres ancestrais nosas e estrañas e estranxeiras, libres por fin na beleza extraordinaria da súa Illa cantada por unha filla futura. Ajrú, Sihá, Ullalai Isué o descomunal berro comunal. Poesía do cosmos. Son das circulación do sangue. Entendemento máis aló das linguas. Voz intrauterina. Intelixencia solidaria. Escoitadora do alén. Avanzando con caixas e pandeiros ao son do teu rock e reggae. Máis aló da modernidade entroncas co pasado. O tempo non existe. A vida a capella. Tocar coma sachar nun pedregal milenario ata sacar chispas de luz e entendemento. Ata saber quen se é. Ata poder ser quen se sabe que é. Igualiña ca os antigos. Pracer creado. Mantra rabioso que fai entrar en trance para saír de si. Coro de amiga. Avance cómplice. Amor sempre. Facer os arranxos coma zurcir con fío de ouro. Furacana e Xiganta. Saber profundo. Poesía é Verdade, Música es ti: xenerosa e libre Muller das Illas Casirérides.

Deixaas

Brigitte Vasallo

Deixaas é unha proposta musical e tamén política desde as súas formas que sitúa tres músicas no escenario compartindo centralidade, todas elas relacionadas coa música orixinaria, en orixe, da composición da Mercedes Peón pero que se converte en música apropiada. , colectivizada. Esta dinámica, que xera novos espazos dentro e fóra da escena, tensiona a arquitectura naturalizada da artista/líder coma central e da banda que a acompaña, unha arquitectura que reproduce e lexitima os esquemas xerárquicos que nos cruzan en todos os aspectos da as nosas vidas. O nome, Deixaas ("déixanos") é unha afirmación polifacética que nun dos seus sentidos inmediatos e literarios, esixe a desintervención en todos os espazos intervidos no seu significado: aquelo que é dito feminino, aquelo que é dito espiritual aquelo que é dito rural ... Un exemplo é o vídeo da plataforma, que acompaña a escena, dirixido por Virigina Rota, que traballa no corpo de Janet Novás como un ser fóra dos arquetipos femininos en movemento pola natureza que contrasta duramente co perfil dunha cidade militar. É creación, tradición, trasmisión, palabra, silencio, enerxía, cansanzo, berro, desafogo, manifesto, circular, lineal, salvaxe, liviá, peso, pacto, libre, ancestral, contemporáneo, colectivo, indivual, recíproco, político, visceral, amizade, plural, singular. É infancia, madurez, inmadurez, aberto, pechado, familia, central, periférico, alegría, tristeza, respecto, protesta, aceptación, inconformismo, atemporal, necesario, terra, madeira, ferro e pel. É Déixaas.

Mónica de Nut

Mónica de Nut

A miña aportación na gravación de Déixaas foi moi fluída e moi liberadora. Non me canso de escoitar a composición final que conxugou Mercedes con sons fríos e metálicos de Navantia, electrónica traballada con minuciosidade, sons da natureza, sonoridades das linguas e a nosa como protagonista, os seus xeitos de cantar como os nosos ancestros mesturados con outros sons que ela experimenta e coas voces líricas que eu mesma gravei. Clarinetes, pianos... moitos detalles. Percibo este traballo como o máis auténtico, fiel a sua personalidade creativa, o máis autoxestionado de todos e o mesmo tempo o máis aberto a aportación doutras artistas; nos directos Ana Fernández, Mercedes e eu mesma presentámonos no mesmo plano, relación horizontal aínda que o proxecto fora xerado por Mercedes.

Ana Fernández

Ana Fernández

Mercedes soubo crear un espazo de expresión musical e persoal, un xeito de relacionarnos sen liderados e onde todas temos peso, nome e apelido, pois o que non se nomea, non existe. A conexión de pensamento favoreceu tamén a creación destos lazos. Sentirnos identificadas nos nosos principios ideolóxicos, comprendidas e apoiadas entre nós é sen dúbida o que fai que Déixaas comezase como disco, se convertise en banda e rematase sendo unha familia. É o único sitio onde me sinto entendida como muller, pandeireteira e galega. E pensar que facemos que a mensaxe chegue a máis persoas que igual nos seus círculos non se sinten comprendidas, dame plenitude. Unha vez, de nena, dixéronme que a pandeireta non era un instrumento, que non era música o que facíamos e que non valía para nada no meu futuro. A todas esas persoas: un saúdo!